Alfonso Rodríguez Castelao

Inicio OS REFERENTES Alfonso Rodríguez Castelao

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é todo un símbolo do nacionalismo galego, un loitador no exilio, que reflectiu na súa obra literaria e pictórica o fondo compromiso que o unía á súa terra, Galicia.

Naceu en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886. Aos once anos emigrou coa súa nai a Arxentina para reencontrarse co pai, que xa marchara primeiro. Á súa volta retomou o bacharelato e cursou estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. En 1910 comezou a traballar como médico na súa vila, mergullándose na política local. Non obstante, a profesión non lograba satisfacelo e, en 1914, unha crise de cegueira acabaría precipitando o seu afastamento dela. En 1916 obtivo unha praza de funcionario no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra. Comezaba, entón, unha etapa en que Castelao chegaría a converterse no principal referente da arte galega.

O seu labor céntrase na creación plástica, que manifesta a través de cadros e caricaturas -Nós-, mais tamén é tempo de reflexión sobre as relacións entre a arte e a nación, que exporá na conferencia Arte e galeguismo (1919), e que callarán definitivamente tras a viaxe que realiza en 1921 por Europa -Diarios de Arte-. A partir deste momento, a plástica facilitará a súa entrada na literatura con obras como Cousas da vida, Cousas, Os dous de sempre ou Retrincos.

O Castelao político xa participara nas Irmandades da Fala desde o nacemento destas en 1916, promovendo a constitución dunha delegación local en Pontevedra, actuando como delegado nas Asambleas Nacionalistas e colaborando n'A Nosa Terra, voceiro das Irmandades.

Coa chegada da República e a fundación do Partido Galeguista, foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes e defendeu en Madrid iniciativas do programa galeguista. A finais dese ano contribuíu con numerosos mitins á unificación e consolidación do noso nacionalismo. Mais os movementos revolucionarios de Asturias e Cataluña en outubro de 1934 provocaron a reacción do goberno conservador descabezando o Partido Galeguista, suspendendo a publicación de A Nosa Terra e desterrando a Castelao a Badaxoz. Ao ano seguinte retornou a Pontevedra e, co Partido Galeguista integrado na Fronte Popular, conseguiu, nas eleccións xerais de 1936, o escano co maior número de votos de toda Galicia.

Nos anos da guerra comprometeuse enteiramente coa defensa da legalidade republicana. É a época dunha maior radicalización do antifascismo e do sentimento patriótico en Castelao, que plasma nos álbums de guerra -Galiza mártir, Atila en Galiza, Milicianos-, de gran difusión internacional. Bandeira de todo galeguismo, desenvolveu unha actividade continua no exilio, reorganizando as comunidades galegas coa esperanza de que caese o réxime franquista. Polo que respecta á súa produción, abandonados o debuxo e a pintura por mor da súa cegueira, concéntrase na publicación da súa principal obra política Sempre en Galiza.