Fran Rei

Inicio Os artistas Fran Rei

Fran Rei é cofundador, pallaso en activo e coordinador da compañía oficial do Festival Internacional de Clown de Galicia (Festiclown) Os Sete Magníficos máis Un, coa que ten participado un total de doce espectáculos teatrais desde o ano 2001. Igualmente, ten traballado noutras compañías de teatro galegas, como Bagunça Teatro, Produccións Desaqueloutradas, Acontrabutaca e Culturactiva SCG.
 
Tamén ten experiencia no mundo televisivo. Xunto a Pedro Brandariz, formou as parellas cómicas O Gordo e o Calvo e Os Ramistas, que participaron regularmente no programa Luar da TVG (2012/2016).
 
Na súa formación escénica destacan numerosos cursos de teatro, clown e bufón con algúns dos mellores mestres do panorama internacional, como Good Idea Company, Carlo Colombaioni, Leo Bassi, Eric de Bont, Iván Prado ou Antón Valén. Igualmente, é monitor de dramatización, teatro e clown e dirixe varias aulas de formación teatral desde 2001. Especialista en clown, desenvolve regularmente obradoiros de iniciación e perfeccionamento desta técnica. Nos últimos anos está especializándose na dirección de espectáculos cómicos e de pequeno formato. Fran Rei é o director dos espectáculos Supergalácticos, de Código Morsa, Volta á Maxia, de Dani García, Ritmo de Refugallo, de Trío Refugallo e Concerto Singular (e Plural) de Píscore.
 
É membro fundador da organización galega de cooperación internacional a través das artes Pallasos en Rebeldía e, con esta entidade, ten participado en diversas caravanas de pallasos por comunidades indíxenas de Chiapas (México).