O CONTO DE BARRIGA VERDE

Inicio ESPECTÁCULOS ESCÉNICOS O CONTO DE BARRIGA VERDE

Artistas

FICHA ARTÍSTICA
Dirección: Tareixa Campos
Autor: Avelino González e Fran Rei, a partir de textos de Manuel María
Elenco: Fran Rei
Escenografía: Fran Rei
Deseño e construción de bonecos: Marga Portomeñe
Asesor máxico: Dani García

Público de 4 a 12 anos, para representar en colexios ou para alumnos de centros de primaria en espazos municipais.

Funcións para representar: 18.

Despois de percorrer boa parte dos teatros, rúas e prazas do país co seu anterior conto máxico, A Historia de Brancaflor, Fran Rei presenta no mes de maio de 2016 o seu novo espectáculo unipersoal, O Conto de Barriga Verde, no que volve a mesturar narración oral, humor e maxia.

Dirixido por Tareixa Campos e escrito por Avelino González e o propio Fran Rei, a partir de tres das obras de Manuel María (Barriga Verde, Os Soños na Gaiola e Aventuras e Desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela), O Conto de Barriga Verde é un achegamento á poesía, prosa e teatro do autor lucense a quen se lle dedica o Día das Letras 2016.

Nesta sinxela historia, Fiz, un mozo labrego galego, terá que enfrontarse ao Serrador e ao Demo polo namoramento da sempre belida Catuxa. Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde, vello e neno ao mesmo tempo demostrarán que nada pode ser máis forte que o amor verdadeiro.

Manuel María, “(...) Aquí sigo: ledo, ufano, satisfeito de estar vivo. Mentras o tempo me gasta: paseo, leo e escribo...!” (Os Soños na Gaiola, 1968).

CARACTERÍSTICAS

Conto para público infantil escrito entre Avelino González e Fran Rei a partir de tres textos de Manuel María: as obras de teatro Barriga Verde - para monicreques - e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela e o poemario Os Soños na Gaiola.

É unha produción que atrapa á audiencia a través da narración oral, a maxia, o humor e os monicreques. O espectáculo presenta a obra de Manuel María –a poesía, a dramaturxia e a narración – dun xeito sinxelo, divertido e accesible para o público infantil.

A trama principal desta obra unipersoal baséase na clásica historia de amor entre Fiz e Catuxa, dous rapaces galegos, que, coa axuda de Barriga Verde, superarán todas as trabas e probas que Brouxán o leñador e o Demo lles poñan. Pero a gran diferenza é que, na nosa historia, o popular Barriga Verde non soluciona os conflitos con violencia, senón que emprega o enxeño e a maxia. Asemade, a presenza de Berenguela – a espiña de toxo máxica – e a presentación de diversos elementos do espectáculo a través de poemas d’Os Soños da Gaiola, converten O Conto de Barriga Verde nunha orixinal proposta de narración.

PÚBLICO DESTINATARIO

O público obxectivo deste espectáculo son nenas e nenos de entre 8 e 12 anos, correspondente ao segundo e terceiro ciclo de educación primaria. Neste sentido, O Conto de Barriga Verde presenta dous grandes acicates:

  • Por un lado, a mestura de técnicas (narración oral, maxia, humor e monicreques), que fai enormemente atractiva a historia, ilustrada con versos d’Os Soños na Gaiola, verdadeira xoia da nosa literatura para a introdución dos nenos e nenas no mundo da poesía.
  • E por outro, a participación do público no espectáculo. É moito máis doado atrapar ao espectador máis pequeno se o facemos partícipe (incluso protagonista) da trama que estamos a narrar. Así, neste conto a participación do público resultará imprescindible, tanto para o desenvolvemento da historia, como á hora de afrontar as tres probas de amor máxicas.