RETRINCOS DE CASTELAO

Inicio ESPECTÁCULOS ESCÉNICOS RETRINCOS DE CASTELAO
FICHA TÉCNICA E ARTÍSTICA
Autor e director: Diego Rey
Elenco: Isabel Risco e Fran Rei
Escenografía e máscaras: Producións Kukas
Vestiario e atrezzo: Isabel Risco e Maquinaria Pesada
Música orixinal e efectos sonoros: Jerry Noia
Responsable técnica: Paula Castro
Xénero: Teatro
Duración: 60 min
Clasificación: Todos os públicos (Preferentemente maiores de 12 anos)

Obra dirixida a un público de 12 a 18 anos.

Funcións para representar: 18.
 
Os cómicos Isabel Risco e Fran Rei en Retrincos de Castelao, fan un achegamento ao particular humor na obra do inmortal autor de Rianxo, figura fundamental da nosa cultura e da nosa historia.
 
A través dun texto de Diego Rey, que reúne cinco historias e unha ducia de debuxos dramatizados de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, a obra fai un percorrido por algúns dos textos e viñetas deste intelectual, achegándonos a súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galiza do seu tempo e ofrécennos un mosaico composto de retrincos dunha realidade galega atemporal, que nos antecede e nos outorga raíces.
 
A partir da mirada de dous mortos, Pedro e Zeltia, de épocas, inquedanzas e idades moi diferentes e dun ollo de vidro que dá nova forma á realidade, poderemos ser quen de presenciar a vida dos homes e mulleres que habitaron esta terra. E grazas a ese ollo e o seu particular ollar seremos quen de comprender realmente a nosa historia e o noso presente.

CONTIDOS

O espectáculo Retrincos de Castelao aborda a figura de Castelao artista desde dous puntos de vista: o Castelao narrador e o Castelao viñetista.

Ao longo dos 60 minutos de duración, Zeltia – a rapaza protagonista – vai descubrindo a obra e a vida de Castelao a través das narracións e dos debuxos que lle presenta Pedro, un morto que recompila historias de mortos para entregarllas ao xenial escritor de Rianxo, en clara referencia ao personaxe do mesmo nome do libro Un Ollo de Vidro.

Polo que respecta ao Castelao escritor, a obra recompila, por unha banda, cinco marabillosos contos dos libros Cousas e Retrincos: “A Historia da Luz”, “O Fillo do Rosendo”, “Sabela”, “O Retrato” e “Peito de Lobo”, nos que se recolle, dun xeito sinxelo e divertido, todo o humor, toda a sensibilidade e toda a prosa melancólica de Castelao. En canto ao Castelao debuxante, no espectáculo aparecen fisicamente doce ilustracións, de Cousas e diversos volumes de Cousas da Vida, aos que os dous protagonistas poñen texto e dramatización, dando boa mostra da xenialidade do autor como artista gráfico.

PÚBLICO DESTINATARIO

Aínda que o espectáculo está creado para todos os públicos a partir de 12 anos, consideramos que se trata dunha produción idónea para público xuvenil, concretamente alumnado de ensino secundario, con idades entre os 12 e 16 anos. A conveniencia deste espectáculo para o público xuvenil vén dado, principalmente, por dous aspectos:

  • A rapaza ou rapaz que vexa Retrincos de Castelao atopará unha imaxe do artista galego enormemente atractiva: creador polifacético, rebelde e anovador. Un personaxe co que, a pesar da distancia temporal, se poden identificar perfectamente. En diversas pasaxes do espectáculo presentamos a Castelao como un mozo activo, retranqueiro, inconformista, creativo e moi comprometido, aspectos que a rapazada entende e comparte.
  • Por outro lado, o personaxe de Zeltia é, precisamente, unha rapaza que vai descubrindo todas as atractivas sorpresas que recolle a vida e a obra de Castelao. Unha rapaza que ben podería ser calquera dos rapaces ou rapazas do público, coas súas mesmas afeccións, inquedanzas e preocupacións. Asemade, a actriz que se mete na pel de Zeltia, a incombustible Isabel Risco, é unha das máis queridas e recoñecidas polo público xuvenil galego, grazas á súa participación en programas de televisión como Air Galicia, Land Rober ou Era Visto, así como os seus personaxes teatrais, como Nabiza Girl.