GALA DA IRMANDADE

Inicio ESPECTÁCULOS ESCÉNICOS GALA DA IRMANDADE

A Gala da Irmandade é sen dúbida un dos pratos fortes do DAC-Outono Cultural 2016. Esta Gala está articulada en torno á historia e aos persoeiros máis relevantes das Irmandades da Fala, mais contén referencias e alusións a todo o contido que propón DAC-Outuno Cultural 2016.
 
A obra traslada a concepción ideolóxica das Irmandades,  esa marabillosa unión, forza e sinerxía que supuxeron para o país unindo os e as artistas máis destacados de diferentes artes e disciplinas até a contemporaneidade. Por iso convocamos na Gala a moitos e moitas das máis destacadas artistas do panorama musical, escénico e plástico galego.

ELENCO

  • Presentación: Maquinaria pesada. A compañía de Isabel Risco, unha das grandes coñecedoras das Irmandades, será a encargada de dirixir a presentación das Galas a través de dúas persoas que se converterán en personaxes das Irmandades.
  • Música ao vivo: Alonso Caxade. Unha banda que fará a música da Gala ao vivo. Alonso Caxade, outro gran coñecedor da música desa época será o encargado de preparar o repertorio e sonoridade para adaptárense a unha gala na que teñan un encaixe perfecto.
  • Os Quinquilláns. Outra das compañías que vén traballando xa desde hai tempo coas Irmandades será a encargada de arrincar a gala cunha peza que nos faga entrar en fariña e que nos sitúe en canto a esta figura histórica.
  • Mago Teto. O Mago máis coñecido será o encargado da parte máis máxica da Gala. Un número creado especificamente para esta Gala e que ademais de nos sorprender vainos levar ao mundo das Irmandades, anos especialmente importantes para o mundo de maxia. (*O 25 de novembro o seu lugar será ocupado polo mago Dani García).
  • Luís Iglesia e Xabier Deive (Boneca Lareta). Asemade, pensamos que a Gala debe contar con figuras suficientemente coñecidas entre o groso da poboación, e cremos que Luís Iglesia e Xabier Deive poden cumprir perfectamente está función cun dos números da súa exitosa obra Sede de Mal. Nela falan sobre como somos os galegos e sobre as orixes da muiñeira e como chegou aos USA transformada en “Bluesñeira”.
  • Mónica de Nut e Ánxela Blanco. Mónica de Nut e Ánxela Blanco son dous novos valores ben coñecidos do canto e da danza. Neste número que mestura opera e danza contemporánea trasladarán a Gala a un momento e a unha época especiais, ademais de abraiaren ao público como os portentos que ambas son nas súas especialidades.
  • Artista ou colectivo cultural local. En cada gala contaremos coa participación dun/ha artista ou colectivo cultural local que estará presente como un/ha artista máis da gala, achegando a súa calidade artística dende un concepto aberto no que poderíamos encaixar diferentes artes: música, teatro, poesía, pintura...

PÚBLICO DESTINATARIO

O espectáculo irá destinado a un abano de público moi amplo: será unha gala para público adulto e xuvenil, pero á que poderán acudir crianzas sen ningún tipo de problema por cuestións de linguaxe ou imaxes explicitamente molestas. O público obxectivo da gala é amplo, porque con este elenco pensamos que abranguemos desde a audiencia que busca unha proposta máis comprometida política e culturalmente até un público que busca achegarse ao humor e ao teatro a través de personaxes populares e coñecidas polos medios.

A Gala irá acompañada de contido audiovisual que achegará contidos, datos e imaxes do que eran as Irmandades. A Gala resultará moi atractiva para o público porque conta co reclamo de primeiras figuras da música (Caxade), das artes escénicas (Luís Iglesia e Xabier Deive), da maxia (Teto), con participación local e cunha atractiva mestura de ingredientes e disciplinas: maxia, canto, danza, música ao vivo, humor e teatro.

Sen dúbida, será unha gran celebración da cultura galega.

Vídeos