Irmandades da Fala

Inicio OS REFERENTES Irmandades da Fala

As Irmandades da Fala foron un movemento histórico nacido en 1916 en defensa do idioma galego e do recoñecemento político da identidade de Galicia.

A súa contribución supuxo un paso adiante decisivo no cultivo do idioma galego e na defensa da identidade de Galicia como suxeito político dentro do contexto xeral de rexeneración do país.Os seus integrantes promoveron unha renovación cultural que abriu novas vías para o desenvolvemento das artes en Galicia, tanto na plástica, como na música e na literatura.

A primeira Irmandade dos Amigos da Fala creouse o 18 de maio de 1916 na Coruña da man de Antón Vilar Ponte, convocante da xuntanza, e arredor de 20 galeguistas máis, entre os que se encontraban Ramón Vilar Ponte,Manuel Lugrís Freire ou Lois Porteiro Garea.

Tras dela foron constituíndose outras agrupacións locais ata que, en 1931, se funda o Partido Galeguista,no que quedan integradas as 46 irmandades existentes que se repartían por toda Galicia e mesmo por países con comunidades galegas de emigrantes.

As Irmandades da Fala orientáronse inicialmente á promoción da cultura e da lingua galegas, mais axiña ampliaron o seu campo de acción cara a iniciativas de carácter político, que incluirían a presentación de candidatos ás eleccións parlamentarias de 1918 ou a aprobación do Manifesto nazonalista da I Asemblea Nazonalista (Lugo, 1918), que constituiría a base de todos os programas do nacionalismo galego ata 1936.

No seu afán de dignificaren a lingua galega e convertérena en idioma plenamente actual e útil nunha sociedade do século XX, promoveron medios e canles de difusión que lles permitisen desenvolver os xéneros textuais menos cultivados durante o Rexurdimento (narrativa, ensaio, teatro, artigo xornalístico), tales como a revista A Nosa Terra voceiro das súas propostas e inquedanzas– ou as editoriais Lar e Céltigos, nas que consolidaríana súa carreira como escritores as principais figuras da Xeración Nós, herdeira,por outra banda, do empeño modernizador da cultura galega que guiou sempre a actuación das Irmandades.