Novidades

Inicio Novidades O DAC chega á Costa da Morte

Os alcaldes de Vimianzo e Carballo acompañaron á vicepresidenta na presentación da programación

O DAC chega á Costa da Morte

Os alcaldes de Carballo e Vimianzo, Evencio Ferrero e Manuel Antelo, participaron xunto á vicepresidenta da Deputación e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín e o artista Fran Rei de Culturactiva na presentación da programación do DAC-Outono Cultural na comarca da Costa da Morte e agradeceron a “descentralización” da política cultural da Deputación da Coruña.

Tanto Evencio Ferrero como Manuel Antelo agradeceron na súa intervención os cambios experimentados na política cultural da Deputación da Coruña que fan que programas como o DAC-Outono Cultural cheguen a concellos como Carballo, Vimianzo ou Cee que acollen nestes días os espectáculos escolares e tamén o “Menú da Fala” de Carlos Blanco e Luis Davila.

“Temos que agradecer o esforzo por descentralizar a actividade cultural, como se pode comprobar neste novo programa da Deputación da Coruña”, destacou Evencio Ferrero na presentación da programación no Pazo da Cultura do Concello de Carballo.

Tamén o alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, mostrou a súa satisfacción pola “descentralización da política cultural que nos permite participar dunhas actuacións que serían difíciles no ámbito rural”. “Estabamos afeitos a unha política só para ámbitos urbanos e agradecemos que se programe para toda a poboación, para distintos sectores de idade e cunha filosofía como esta en que se mestura o ocio co coñecemento de persoeiros relevantes para a nosa identidade”, dixo Manuel Antelo para quen o DAC é un exemplo de que “existe unha forma distinta de entender o que é unha Deputación e como debe ser a relación cos concellos”.

Pola súa parte, a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartin destacou a vontade de que “houbese representacións de alta calidade nun programa dinámico creado para conmemorar tres grandes efemérides como son as referidas a Castelao, Manuel María e as Irmandades da Fala cunha visión contemporánea e cunha repercusión moi positiva”.   Mostrou tamén a vontade de que o DAC-Outono Cultural “acabe sendo un referente de programación desestacionalizada e dirixida a todos os públicos” e agradecer o compromiso dos concellos para conseguir que as actividades escolares sexan compartidas polos distintos centros educativos.

En representación de Culturactiva, Fran Rei manifestou a “emoción” que sinte pola alta “participación social” nas distintas iniciativas, en especial, naquelas en que se conta coa contribución de entidades e grupos locais e asegurou que co programa se estaba a “descubrir que temos figuras importantes das que nos sentir orgullosos”.

O DAC_OutonoCultural, o programa de espectáculos que desenvolverá os meses de novembro e decembro a Deputación da Coruña para achegar as figuras de Castelao, Irmandades da Fala e Manuel María a un público de todas as idades en 18 concellos da provincia, representará “Menú da Fala”, un dos pratos fortes da programación, en tres concellos da Costa da Morte, Vimianzo, Carballo e Cee.

Aínda que as actuaciós en Vimianzo comezaron o pasado martes 22 de novembro no Auditorio da Casa da Cultura co “Conto de Barriga Verde” ás 10.00 h. e “Retrincos de Castelo” ás 12.30 h., ambas dirixidas aos nenos e nenas dos centros educativos da localidade, o “Menú da fala”, o prato forte da programación, poderase gozar de balde mañá venres 25 de novembro ás 21.30 h no Auditorio Municipal de Vimianzo.

Concellos de Carballo e CEE

“Menú da fala”, a obra de Carlos Blanco e Luís Davila, dous piares básicos galegos no eido do humor narrado e do humor gráfico respectivamente, tamén chegará aos concellos de Carballo e CEE, ao primeiro o venres 16 de decembro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, e ao segundo o sábado 17 de decembro ás 20.15 horas no Auditorio da Casa de Cultura.