Novidades

Inicio Novidades Os concellos de Carballo e CEE gozaron co "Menú da Fala"

Os concellos de Carballo e CEE gozaron co "Menú da Fala"

Esta fin de semana celebráronse as últimas representacións do Dac Outono-Cultural, o programa teatral posto en marcha pola Deputación da Coruña para achegar as figuras de Castelao, Irmandades da Fala e Manuel María a un público de todas as idades en 18 concellos da provincia.

En Costa da Morte, esta iniciativa cultural puxo o punto e final cun dos pratos fortes, o “Menú da Fala”, que chegou a Carballo o pasado venres 16 de decembro ás 21.00 horas no Pazo de Cultura e o sábado 17 ás 20.15 horas ao auditorio da Casa da Cultura de CEE.

O “Menú da Fala” é unha homenaxe á lingua, unha celebración oral que fai unha simbiose entre narración e imaxe para poñer en valor o noso idioma, xogando e gozando para mantelo vivo e darlle brillo, adaptado aos tempos que corren. Carlos Blanco e Luís Davila fan fotografías do natural amosando o orgullo do galego, con notas de humor e debuxos únicos.

Os nenos e nenas dos IES do concello de CEE tamén puideron gozar coa representación “Retrincos de Castelao” o xoves 15 de decembro no Auditorio Casa de Cultura de CEE.