O CICLO

Inicio O DAC OUTONO CULTURAL O CICLO

O DAC-Outono Cultural é un programa da Deputación da Coruña concibido para difundir as figuras e efemérides culturais que se celebraron no ano 2016 en Galicia: Manuel María (Día das Letras Galegas), Irmandades da Fala (Centenario) e Alfonso Castelao (Ano Castelao Artista) a través de varios espectáculos escénicos.

PRESENTACIÓN

A nosa cultura é actual, contemporánea, interesa e fainos rir, sentir e pensar. Diso é do que nos fala DAC Outono Cultural, un programa ideado para os meses de novembro e decembro mais que busca ser unha “primavera” para a nosa cultura.
 
En 18 cabeceiras de comarca, distintos espectáculos de primeira liña dirixidos a todos os públicos traerán aos nosos días as figuras das Irmandades da Fala (Centenario), Manuel María (Día das Letras Galegas) e Castelao (Ano Castelao Artista), protagonistas das efemérides culturais deste ano. Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Cee, Melide, Muros, Narón, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Padrón, As Pontes, Ribeira, Santa Comba e Vimianzo son os concellos aos que chegará esta ambiciosa programación, con vontade de espallar en toda a súa contorna o máis actual legado desas tres trabes da nosa cultura.
 
Cunha ampla gama de cores, como o propio outono, a programación ofrece un variado abano de propostas de primeira liña, que convencerán a diversos públicos da riqueza da nosa cultura, nese diálogo entre tempos que transcorre desde as Irmandades da Fala até o Menú da Fala de Carlos Blanco e Luís Davila, de Castelao a Fran Rei e Isabel Risco ou de Manuel María á posta en escena do seu conto de Barriga Verde. Coa presenza de Caxade,Mago Teto, Luis Iglesia e Xabier Deive ou Mónica de Nut e Ánxela Blanco nunha programación excepcional que ten moito de encontro e de proxección cara ao futuro, impulsándonos desde o mellor do noso pasado.
 
Con especial agarimo polos novos públicos para a cultura galega, DAC Outono Cultural achegarase aos centros de ensino e á rúa cunha aposta específica de calidade para que as crianzas gocen das nosas artes escénicas e participen do seu xogo. Para todas as idades, os espazos culturais das cabeceiras de comarca abriranse para ofreceren singulares espectáculos que dan medida do extraordinario momento da cultura galega. E fala tamén, da nosa historia, con gabanza, porque nunca o pasado foi tan moderno.
 
Goretti Sanmartín Rei
Vicepresidenta da Deputación da Coruña

CONCELLOS

O DAC- Outono Cultural desenvolverá 4 espectáculos escénicos de primeiro nivel en 18 vilas cabeceira de comarca da provincia da Coruña: Ames, Arzúa, Betanzos, Carballo, Cee, Melide, Muros, Narón, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Padrón, As Pontes, Ribeira, Santa Comba e Vimianzo.

A finalidade é difundir o legado destas figuras senlleiras da cultura galega entre a poboación e en especial entre o público infantil e xuvenil.

ESPAZOS ESCÉNICOS

Centros Educativos.

O DAC achegará os espectáculos escénicos a 18 centros de primaria e a 18 institutos, un por cada concello.

Auditorios, Teatros e Casas de Cultura.

Co fin de chegar a toda a poboación independentemente da idade, o DAC-Outono Cultural tamén vai desenvolver un espectáculo de gran formato en cada unha das vilas, o Menú da Fala e a Gala da Irmandade.